viernes, 24 de junio de 2016

MIT 2016



Falabamos hai uns días de como, do 16 ao 24 de xullo, a vila de Ribadavia muda en capital teatral do país. Finalmente, o outro día presentaron o programa na Cidade da cultura. Interesantes montaxes de textos clásicos (A gaivota de Chéjov, Nai coraxe de Brecht) e modernos (Voaxa e Carmín, de Esther Carrodeguas). Compañías de Galicia, Andalucía, Euskadi e outros puntos do estado, pero tamén de Lituania, Francia, Arxentina e Chile. Trae sona a montaxe de Antón Chéjov do director Oskaras Koršunovas co teatro municipal de Vilna. Como nos adiantou Miguel de Lira cando nos atopamos con el no Festival Olloboi, vén Chévere (Eroski Paraíso). E tamén Matarile: a compañía de A. Vallés e B. Patiño cumpre 30 anos e veno celebrar á MIT. A clave feminina vai estar moi presente nesta edición, en actrices e directoras, pero tamén en pezas valentes como as de Rubén Sabadini (Trópico del plata) e a de TeatroCinema (Historia de amor), e en Voaxa e Carmín, gañadora o ano pasado do Premio Abrente de textos teatrais, que traerá ao escenario da vila as actrices Mabel Rivera e Belén Constenla. O programa é, como adoito, longo e atraente. Desde os títeres e os espectáculos para todos os públicos do programa Ruadavia ata as sesións nocturnas no Auditorio do Castelo, nesta trixésimo segunda edición da Mostra hai ben onde escoller. Vémonos no teatro!

lunes, 20 de junio de 2016

Cartel da Mostra de Teatro

Como sabedes, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) é o grande acontecemento teatral do  verán galego. Estamos desexando saber da programación completa para podela compartir e comentar con todos e todas vós. Seguiremos informando en  canto dispoñamos de máis datos. De momento, achegámosvos o cartel da edición deste ano.  


domingo, 19 de junio de 2016

Xentes do Ribeiro



No equipo de Biblioteca do IES O Ribeiro contamos coas profesoras do seminario de Educación Plástica e Visual. Por este motivo, os carteis anunciadores das nosas actividades están bastante mellor do que adoita ser habitual neste formato. Os asuntos relacionados coas artes plásticas non nos resultan, pois, alleos. Artes e Letras, non é unha mala combinación, por iso hoxe incluímos no noso blog algunhas das fotografías do concurso "Xentes do Ribeiro", que levou ás nosas paredes instantáneas de moi alta cualidade gráfica, entre as que seleccionamos estas dúas: 

Foto de A. Regueiro (2º bach)

 
Foto de C. Domínguez (2º bach)